Tuesday 07 de May de 2024

Nava Castro inaugura a exposición “Galicia, casa dos peregrinos” no marco do programa especial do Ano da Misericordia


A mostra poderá ser visitada no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, dende hoxe ata o vindeiro 29 de xuño

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a Exposición “Galicia, Casa dos Peregrinos”, acompañada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño. A iniciativa forma parte da programación especial de actividades que está en marcha con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia e pode ser visitada no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, dende hoxe ata o vindeiro 29 de xuño.

Nava Castro sinalou que accións deste tipo poñen en valor a dimensión internacional que supón a peregrinación xacobea e que esta mostra en concreto invita a reflexionar sobre a recuperación dos Camiños de Santiago en Galicia. Neste sentido, a directora de Turismo salientou a creación da rede pública de albergues, conformada na actualidade por un total de 70 establecementos, coma “unha das formas máis elocuentes de solidariedade e hospitalidade xacobea”.

A exposición afonda na restauración do patrimonio cultural, a celebración de eventos como os Anos Santos ou os anos de especial interese e o traballo realizado en colaboración coas numerosas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, espalladas por todo o mundo. Tamén aborda aspectos da colaboración con outros itinerarios culturais de Europa como o Kumano kodo ou o Camiño de Shikoku.

Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia
A directora de Turismo lembrou que a celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia é un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano que non era Ano Santo. Neste sentido, Nava Castro apostou por esta celebración para acadar un impacto positivo na actividade económica de Santiago de Compostela e de Galicia.

Por este motivo, dende Turismo de Galicia púxose en marcha unha programación especial que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante. Durante este período de celebración, Galicia acollerá diversos congresos e conferencias ademais de programas culturais e concertos.

Deste xeito, dende maio a novembro, Santiago de Compostela será sede do ciclo de conferencias “Novas formas de solidariedade”, que contará coa participación de importantes personalidade como Vicente del Bosque ou Paula Farias, presidente de Médicos sen Fronteiras, entre outros.

Tamén cómpre destacar o curso de verán que promove a Universidade de Santiago de Compostela, “IX Leccións Xacobeas Internacionais: a hospitalidade no Camiño de Santiago”, ou a programación musical con iniciativas como “Música no Camiño” ou o ciclo “Cultura no Camiño”.

Así mesmo, tamén se levarán a cabo importantes iniciativas relacionadas coa conservación do patrimonio e actuacións orientadas a mellorar a acollida dos peregrinos, algunhas delas xa postas en marcha como o Plan de Actuación do Monte do Gozo, a rehabilitación da Casa de Pasarín na Fonsagrada como albergue de peregrinos ou o novo albergue da cidade de Ourense.